sábado, 26 de octubre de 2013
martes, 22 de octubre de 2013
miércoles, 18 de septiembre de 2013
Crítica de O HOME ALMOFADA, por Damián Villalaín, da Revista Galega de Teatro
“IlMaquinario Teatro é unha
compañía de recente constitución formada por antigos alumnos da ESAD de
Galicia. Os seus integrantes unen a esta
condición a de teren desenvolvido no teatro profesional e afeccionado
traxectorias que avalan a súa audacia e decisión á hora de abordar proxectos
escénicos caracterizados pola súa dificultade e a súa esixencia. Este é o
caso de O Home Almofada, un texto do
dramaturgo Martin McDonagh, a quen o público galego xa coñece polas montaxes
que dalgunhas das súas pezas levaron a cabo compañías como Producións Teatrais
Excéntricas, con dirección de Quico Cadaval, e Teatro do Atlántico con Xulio
Lago. (...)
A pouco que un clique en internet o nome de McDonagh, non tardarán en decartarse de que a rede foi estendendo arredor deste dramaturgo un conxunto de lugares comúns moi ou pouco acertados. Fálase indistintamente de comedia negra e de teatro da crueldade, das influencias de Harold Pinter e de Synge e tamén as de Mamet, Tarantino e mesmo Homer Simpson. Saliéntase moito que McDonagh se aburre coas montaxes londinenses de Shakespeare e Chejov e que o seu teatro se integraría nunha especie de tendencia denominada in-yer-face, coloquialismo que aquí poderiamos traducir como en todo o morro ou de fomra menos explícita, teatro-hostión-nos-fuciños. Supoño que con isto quere dicirse que os textos de McDonagh gustan de mergullarse a pelo en temáticas escabrosas que reciben, ademáis, un tratamento dramático nada contemporizador. McDonagh inscríbese nese potente movemento do teatro e cine irlandeses que perverte certa tradición lírica algo impostada, de pegada folk e nacionalista, sen acabar de matala. Nos seus textos segue habendo moitas historias dentro da historia central, personaxes redondos e contundentes, situacións de gran crueza e unha sensación de verdade que trascende os riscos máis ou menos fantasiosos ou mesmo inverosímiles da histtoria escenificada.
Tamén é habitual dicir que os textos de McDonagh teñen moito humor e sinalar, cando se chega este punto, o seu parentesco con Quentin Tarantino. Discrepo: no cineasta americano o humor é un resultado do seu xeito de abordar a violencia, unha violencia que en Tarantino é puro engolfamento no gozo metacinematográfico, mera ficción sobre a ficción. En McDonagh a cousa é ben distinta porque a violencia da que fala é real, tómaa en serio ou, polo menos, non a presenta como o xogo divertido e mentireiro de Tarantino que, maxistralmente estilizado, nos hiponotiza sen culpa nas pantallas. O humor en McDonagh non é un exercicio dese tipo nin tampouco un bálsamo destinado a atenuar e facer máis levadíos os efectos das súas ásperas historias, senón unha consecuencia do descarnado e renovado naturalismo con que se constrúe estas. Que non viu nunca aspectos cómicos nun enterro?
Non tiven ocasión de preguntarllo, peor creo que McDonagh
estaría moi contento coa versión que do seu Home
Almofada fai ilMaquinario. Mesmo pode que algúns
cambios introducidos pola compañía acentúen o interese da proposta orixinal,
como é o caso da conversión en mulleres das dúas persoas detidas, homes no
texto de McDonagh. En efecto, hai dúas persoas detidas, dúas mulleres que son irmáns. Unha delas (Katurian, interpretado por Melania Cruz) traballa nun matadoiro e escribe terribles historias de aire infantil sobre nenos torturados e asasinados. A outra é Michal (Laura Míguez)(, unha deficiente bastante lista. A detención débese á aparición de dous nenos asasinados ao xeito narrado por Katurian nas súas historias horrorosas e, porén, rebordantes dunha estraña compaixón, algunhas das cales son lidas e ilustradas escénicamente. As dúas irmáns están baixo a custodia de dous policías, Tupolski (Fran Lareu) e Ariel (Fernando González), funcionarios ao servizo dun país innominado que lembra algunha vella ditadura da Europa Oriental.
A partir destes vimbios argumentais básicos desenvólvese unha sitoria estarrecedora na que vai pouco a pouco agromando a verdade do sucedido. Esa estrutura dramática é a que levou a il Maquinario a cualificar de thriller esta peza que ten moito de parábola brava. É unha historia moi triste e moi dura que
pode lerse sen máis como unha denuncia da violencia contra os nenos. Peor
convén non quedar aí, pois O Home Almofada fala tamén dos expermientos de
enxeñería pedagóxica, da incríble capacidade de resiliencia dos nenos, da
dimensión constitutiva das aprendizaxes familiares, da creación artística como camiño
de redención e da inevitable omnipresenza da dor, asó como das relacións entre
arte e moral e entre ficción e realidade, un asunto que a detestable e
hipócrita moda angloamericana do políticamente correcto volveu a poñer de
actualidade dun xeito puritano e culpabilizador contra o que semella activarse
unha parte substancial do texto de MacDonagh.
Todas estas vetas
temáticas, ofrecidas ao espectador sen o adobío de respostas simples, están
presentes na montaxe intensa e eficaz dirixida por Tito Asorey. É probable que
en mans dun director máis frívolo e menos intelixente O Home Almofada se
convirtese, ou ben nunha colectánea tarantinesca de horrores con pouco
fundamento ou ben nunha xeremiada mexeriqueira e malamente realista sobre nenos
maltratados. Pero Asorey le moi ben a
McDonagh, acompáñao encantado no seu paso polo gume da navalla e convértese no
mellor aliado da súa historia. Faino con recursos escasos pero
excelentemente aproveitados. Crea, con moi poucos elementos, un espazo
claustrófobo que actúa como metáfora visual dun mundo feo, de luces murchas e
aromas kafkianos, imaxe deteriorada dunha rutineira e cega engranaxe de poder
na que, porén, chegarñan a agromar a empatía e a solidariedade humana. Sobre
este espazo, reconvertido puntualmente nun lugar mental onde se len e ilustran
con recursos “granguiñolescos” os contos de Katurian, accionan os catro magníficos actores que dan vida a
uns personaxes moi ben construídos que non tardan en escapar dos seus roles
máis previsibles para mostrar a súa agochada condición de nenos feridos. Aquí é inevitable salientar o traballo de
Melania Cruz e Laura Míguez –fascinante mestura de malicia e inocencia esta
última- polo sobresaliente desempeño co que respoden á enorma esixencia duns
personaxes sinuosos, complexos, de estratexias cambiantes.
A función dura hora e media e non ten un só deses
momentos medio perdidos que tan mortais resultan no teatro. Isto ten moito que ver coa calidade dunha narración escénica tan
directa e intensa como sutil, que prende inmediatamente ao espectador e o
convida a participar na indagación que ten lugar no escenario. É unha indagación policial en procura da verdade duns feitos particulares a través dos cales acabamos enxergando outras verdades menos circunstanciais, máis lacerantes, quizáis máis misteriosas. Isto é o que fixeron sempre case todos os grandes dramaturgos: poetizar escénicamente a dor, desvelar a cerna dos nosos medos, constatar a humanidade común, suxerir sen esperanza a compaixón, rescatar a beleza. O Home Almofada sitúase nese ronsel de raizame aristotélica e decididamente dramática. Faino desde unha historia distinta, tétrica, desapacible e cruel,
sen parlamentos longos nin monólogos altisoantes pero coa intensidade vigorosa
e indeclinable dunha descarga de rocanrol. O Home Almofada é como un drama de Ibsen reescrito por Marilyn Manson. Viño novo en odres vellos moi ben servido por ilMaquinario”
O Home Almofada, portada da Revista Galega de Teatro!!
O Home Almofada foi a peza elexida polo consello de redacción da Revista Galega de Teatro para protagonizar a súa portada do número de verán do 2013. No interior da revista aparece a crítica que deste espectáculo fixo Damián Villalaín. Dende aquí agradecémoslle as súas palabras! Axiña, máis datas de O HOME ALMOFADA!
lunes, 8 de julio de 2013
"O Home Almofada", seleccionado para a MIT de Ribadavia!!!!
Estimad@s amig@s de IlMaquinario Teatro: sentímonos absolutamente felices, satisfeitos e encantados de poder comunicarvos A NOSA PARTICIPACIÓN CO ESPECTÁCULO O HOME ALMOFADA na MIT 2013!!!!! Para nós supón unha enorme honra a posibilidade de formar parte deste festival de tan longa e importante traxectoria e, por suposto, de poder facelo ao carón de profesionais tan grandes como son todos aqueles cos que compartimos cartel nesta 29 ª edición. A representación terá lugar na Casa de Cultura de Ribadavia o día 27 de Xullo ás 21:00 h.
Moitas grazas a tod@s @s que nos apoiastes e apoiades; sen vós todo isto non tería sido posible!!!
Velaquí o enlace á programación da Mostra: http://mitribadavia.com/programa/#
martes, 7 de mayo de 2013
Crítica de Hugo Álvarez en Butaca en Anfiteatro
Despois da función no Forum metropolitano de A Coruña, Hugo Álvarez acaba de sacar unha crítica sobre o noso espectáculo O Home Almofada no blog de crítica teatral Butaca en Anfiteatro. Leva por título
‘O Home Almofada’, o remover para convencer
Crítica completa en:
sábado, 16 de marzo de 2013
Xira de Primavera de O HOME ALMOFADA!
Presentamos a continuación a xira de Primavera 2013 de O HOME ALMOFADA, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios!!:
12 de Abril: LALÍN, Novo Teatro Auditorio
26 de Abril: CARBALLO, Pazo da Cultura
3 de Maio: A CORUÑA, Fórum Metropolitano
16 de Maio: LUGO, Auditorio Gustavo Freire
3 de Xuño: RIBADEO, Auditorio Hernán Naval
Agardámosvos nesta xira pola nosa comunidade!!
viernes, 8 de marzo de 2013
Crítica de Cristina Díaz en El Club Express

El cocktail de Il Maquinario: juventud, vocación, experiencia, audacia. Han llegado para quedarse.
A crítica pódese ler completa neste enlace:
jueves, 7 de marzo de 2013
O HOME ALMOFADA no Barco de Valdeorras!
Este venres, día 8 de Marzo, chegará ao teatro Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras a nosa peza, O HOME ALMOFADA, ás 21:00 horas. Adxuntamos a continuación o texto publicitario do facebook do propio teatro:
"A compañía Il Maquinario, que malia o nome non son italianos, está formada por xente moza titulados da ESAD de Galicia dirixidos por Tito Asorey. É a súa primeira montaxe no teatro profesional e botan man dun dos dramaturgos de maior éxito na escena internacional, Martin MacDonagh. O home almofada é unha historia sobre a violencia e a inocencia coa contundencia descarnada, a tentura e o sarcasmo do teatro de MacDonagh, que o público do Barco ha lembrar en títulos como "A Raiña da beleza de Leenane", "Un cranio furado" ou "Oeste solitario". E falando de lembrar, Melania Cruz, unha das protagonistas deste "O home almofada" é a actriz que tanto gustou no "Ai Carmela", de Sanchis Sinisterra, que trouxo ao Barco a temporada pasada Teatro do Adro. Xa vedes que hai moitas razóns para non faltar este venres ao teatro. Coma sempre ás 21 horas, entrada 5 euros."
miércoles, 6 de marzo de 2013
Crítica de Damián Villalaín en TEMPOS NOVOS
Adxuntamos aquí, co permiso do seu autor, a crítica de O HOME ALMOFADA que Damián Villalaín escribe no último número da revista "Tempos Novos":
"Dirixir teatro é unha
das cousas máis difíciles do mundo. Trátase de tomar continuamente decisións
que na maior parte dos casos resultan irreversibles, pois cada unha desas
decisións afecta ás xa tomadas e postas en práctica. Esa posta en práctica equivale ao avance na construción da obra
teatral, unha tarefa que debe executarse nun tempo bastante limitado. As
decisións –miles- afectan ao texto do que se parte, aos intérpretes cos que se
traballa, ao espazo no que se vai representar, aos aspectos técnicos, ás
reaccións do público… Un traballo estresante, pura artesanía intelectual que, paradoxalmente, debe ser realizado
por persoas de tempero non especialmente seguro, con certa tendencia á reflexión
e á dúbida. Creo que eu necesitaría un par de anos, quizais algún máis, para
facer o que Tito Asorey fixo nun par de meses con O home almofada, o espectáculo co que iniciou a súa andaina a
compañía ourensá Il Maquinario. Houbo quen me dixo, tirando un pouco do tópico,
que O home almofada é unha desas
obras que che devolven a fé no teatro, razonamento que non comparto por non
crer que o teatro sexa unha cuestión de fé, senón máis ben de kairós, de apertura á posibilidade de
que algo importante e talvez imprevisto ocorra. E na peza que gloso ocorren
cousas, cousas horrorosas e irrisorias que non están só latexantes no texto
espléndido de Martin McDonagh, senón sobre todo no sentido que Tito Asorey e o
seu sensible cuarteto actoral proporcionan a unha historia que en mans menos
finas podería ter derivado cara roteiros melodramáticos, previsibles,
maniqueos, desastrosos. Se O home
almofada vale o moito que vale é porque agroma nela unha sabiduría sobre as
cousas humanas que vai máis alá do saber facer escénico. Il Maquinario
comprendeu e soubo tratar cunha obra que fala de nenos maltratados e de arte. É
un asunto vidrioso, agás que se afronte sen pliegues, desde a posición
facilmente eticista da denuncia e condena. Pero nese caso a obra sería outra,
non a cousa extrema, ambigua e desacougante que imaxinou Martin McDonagh.
Supoño que o autor británico cruzaría os dedos ao poñerlle o punto final
pensando nos posibles malentendidos e nos conseguintes estragos dos que podería
ser obxecto o seu texto. En Galicia, por fortuna, caeu en mans de Il
Maquinario, unha compañía –alégrame poder dicilo- integrada por antigos alumnos
da ESAD de Galicia."
Damián Villalaín
martes, 5 de marzo de 2013
Crítica de O HOME ALMOFADA
Publicamos a continuación a crítica de O Home Almofada aparecida no blog "El círculo de Artur", firmada por MERCUCCIO, co permiso do seu autor:
"O home almofada é a primeira producción e IlMaquinario Teatro, e para esta súa primeira presentación ante o público escolleron a peza O home almofada do autor Irlandés Martin McDonagh.
A obra de MacDonagh, que se define habitualmente como “humor negro”, xira ao redor de personaxes que afrontan situacións límites e que veñen marcados por pasados traumáticos, relacións familiares enfermizas, e nos que a conciencia da morte é unha constante. As tramas as construe este autor como un xogo de espellos no que nada é o que aparenta ser.
A experiencia nos ten avisados de que a calidade dun texto non garantiza a calidade dunha funcion. Sabemos que Shakesperare o Beltold Brecht son autores excelentes, pero todos temos asistido a insufribles representacións destes autores. Tamén as pezas do propio McDonagh, autor moi representado en Galicia, foron postas en escea entre nós dun xeito que abondaba máis no seu envoltorio cómico eludindo (se cadra por contentar ao público) a carga de profundidade, ese transfondo no que se agocha a verdadeira mensaxe que o autor pretende trasmitir.
O primeiro dos moitos méritos deste traballo inaugural de IlMaquinario Teatro é presisamente o de asumir o texto e non ir en contra del. Non manipular ese texto con intención de “gustar” ( que non convencer) ou “abraiar” ( que non enfeitizar), senón afondar honradamente nel utilizando ferramentas xenuinamente teatrais.
Sabedores de que en teatro os conceptos non son nada senon se sustancian en emoción, os compoñentes de IlMaquinario Teatro nos agasallaron cun “Home almofada” que nos mantivo atados á butaca, enfrascados na historia que nos estaban a contar. Nin máis nin menos! Parece o normal, sí, pero non é o máis frecuente.
Durante toda a representación de este “Home almofada” lógrase manter esa difícil tensión entre o envoltorio cómico e o fondo tráxico na que consiste o verdadeiro humor. Ese humor está presente durante toda a representación sen ningún tipo de concesións a unha comicidade superficial e se sublima en ocasións ata raiar no poético.
A emoción que suscita esta función está tamén baseada en cousas aparentemente obvias, pero infrecuentes: lectura intelixente, escenografía, iluminación e música apropiadas, posta en escea coherente, “tempo” apropiado e, sobre todo, un traballo actoral moi serio e equilibrado, apoiado, e se nota, por una dirección que valora moi especialmente esa faceta do seu traballo. Os catro intérpretes acadan un notable nivel.
Son razóns abondo para asistir ás funcións desta producción que, por certo, non foi subvencionada. Os cinco compoñentes de IlMaquinario non asumiron só un risco artístico senón tamén un risco económico.
Ogallá esta nova compañía continúe traballando nesta liña de seriedade e coherencia."
lunes, 18 de febrero de 2013
viernes, 8 de febrero de 2013
Entrevista na TVG
Antes da nosa función en A Regadiera de Adela, o programa Zig Zag Diario fixo unha entrevista aos membros de ilMaquinario Fran Lareu, Fernando González e Melania Cruz. Velaquí está:
martes, 29 de enero de 2013
lunes, 28 de enero de 2013
Video promocional de O HOME ALMOFADA!
Estreamos hoxe o primeiro dos videos promocionais do noso espectáculo, realizado por Aitor Uve. Agardamos que vos guste e que vos impulse a acudir ao teatro para vela!
jueves, 24 de enero de 2013
miércoles, 16 de enero de 2013
jueves, 10 de enero de 2013
IlMaquinario cos alumnos do IESP O Couto
A campaña "Novo teatro, novos espectadores" de Ourense chegou ao seu fin, logo de estar durante dúas semanas percorrendo os institutos da cidade debatendo cos rapaces e rapazas sobre o noso Home Almofada. Nestes días puidemos comprobar de que xeito esta peza move á reflexión e suscita interesantísimas discusións éticas sobre diversos temas de plena actualidade, como son a violencia que nos rodea e que podemos percibir a través dos medios de comunicación, ou os perigos dunha educación baseada na consecución dunha excelencia forzosa. Moitísimas grazas dende aquí a todos aqueles que fixeron esta experiencia posible, e sobre todo, aos rapaces e rapazas dos institutos asistentes, que coa súa atención e os seus atinados comentarios nos debates nos alentaron a seguir crendo que o teatro é unha arte que pode aportar o seu grao de area para transformar o mundo nun lugar mellor.
martes, 8 de enero de 2013
O Conto da cidade sobre o río

(o único conto publicado de Katurian K. Katurian, Revista Liberdade)
lunes, 7 de enero de 2013
Bocetos de vestiario de O Home Almofada
Para comezar este ano 2013 que agardamos esté cheo de proxectos que desafíen esta realidade tan dura que se nos presenta, seguimos ensinando as tripas do Home Almofada. Desta vez tócalle o turno ao vestiario, realizado pola figurinista canaria Yaiza Pinillos, que logrou materializar a psicoloxía destes catro personaxes nuns deseños que impulsaron totalmente o discurso da peza. Un pracer traballar con ela!
Tupolski (Fran Lareu)
Ariel (Fernando González)
Katurian (Melania Cruz)
Michal (Laura Míguez)
Suscribirse a:
Entradas (Atom)