lunes, 31 de diciembre de 2012

Maqueta da escenografía de O Home Almofada


Para rematar o ano, e agardando que o 2013 nos permita amosar o noso traballo en moitos teatros, colgamos algunhas fotografías da maqueta da escenografía do noso espectáculo O HOME ALMOFADA, realizada por Luis Iglesias "Luchi". Como vedes, o resultado final é prácticamente idéntico, o que constata o bo facer deste gran profesional, sen a axuda do cal este proxecto non tería visto a luz. 












lunes, 10 de diciembre de 2012

ilMaquinario Teatro cos alumnos dos IES de Ourense

En primeiro lugar queremos comezar este post agradecendo os ánimos e a axuda prestada por todas aquelas persoas que fixeron posible este proxecto. Vós ben sabedes quen sodes, algúns da escola e outros de fóra, que seguides estando moi presentes nas nosas vidas.
O pasado mércores 5 de Decembro tivo lugar unha dobre representación do noso espectáculo O Home Almofada no Teatro principal de Ourense con grande éxito de público, dentro da actividade Novo Teatro, novos espectadores desenvolvido pola Concellaría de Educación da cidade e coordinada por Isabel Doval Ferro, que se atopa enmarcada no programa Teatro, Cine e Escola. A sesión da mañá foi especialmente intensa, xa que a ela asistiron uns 285 alumnos procedentes de Bacharelato, ciclos formativos e grupos de teatro escolares de diversos centros de ensino ourensáns: IES Portobello, O Couto, A Carballeira e Blanco Amor e Universidade Laboral. 

Algúns dos alumnos asistentes


Os alumnos mostráronse moi interesados e atentos ao longo da representación, pero durante esta semana completaremos o traballo a través da realización dunha serie de obradoiros con eles nas aulas para poder coñecer as súas imprensións e intercambiar opinións acerca da peza en particular e do teatro como forma de expresión. 

Por outra banda, queremos tamén agradecer o elevado interese mostrado pola cidadanía xa que, tras o cheo do FITO axudáronnos case a encher de novo o aforo do Teatro Principal.

Promoción do espectáculo por José Lameiras

Moita saúde.

martes, 27 de noviembre de 2012

Soneto para ilMaquinario



Soneto composto polo ilustre poeta da ESAD e da rúa García Barbón de Vigo, don Damián Villaviolín, en sentido homenaxe a Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez, Fran Lareu e Fernando González, membros todos eles do combo teatral Il Maquinario, que deleitou honorable e honestamente as nosas sensibilidades, fornecéndonos ao tempo de cultura e benestar, coa representación da excelente e aclamada obra teatral intitulada O home Almofada, traxedia macabra e sutil, con algo de risa, da autoría do súbdito da Súa Maxestade e fillo da Gran Albión Martin MacDonagh, que foi estreada con estruendoso estruendo e exitoso éxito de público e crítica na sala Pedra Seixa do lugar coñecido como ESAD de Galicia, ubicado na rúa Poza Cabalo sen número, da leal, benéfica e olívica cidade de Vigo o día 3 de setembro de 2012, data que ficará inscrita con letras de ouro nos anais da escena galega e nos crónicóns cos que os amantes da arte de Talía darán conta, para edificación e ilustración dos homes do porvir, destes tempos menesterosos e, como vén sendo norma desde o Paleolítico Superior, agridoces.


Quixera chorar, tenras asasinas,
un doce pranto pola vosa dor,
que enche a noite dun mudo pavor
de almas chagadas, de corpos en ruinas.

Medran no espanto coitelas moi finas,
sangran os berces  de cruel desamor.
No fango noxento agroma unha flor
que soña contos con voz clandestina.

Anxos terribles sen ás nin espadas,
ide, axudade ao neno solitario!
Deixádelle ver ao home almofada!

Se cadra é un ser imaxinario,
un golpe de sombra, unha luz calada,
ou só o teatro de Il Maquinario.

jueves, 11 de octubre de 2012

Imaxes da función do FITO


Algunhas imaxes da función do FITO realizadas polo diario dixital Tempo de Lecer, baluarte da información cultural na nosa cidade nestes tempos de escuridade e eleccións...

Michal e Katurian

 O conto do porquiño verde

Aplauso 

miércoles, 10 de octubre de 2012

Reseña da función no FITO de Ourense

Reseña no diario digital Tempo de Lecer da nosa función no Festival Internacional de Teatro de Ourense. Moitísimas grazas os que nos acompañastes onte a noite nesta tenra e trepidante historia que é O Home Almofada! Teatro Principal cheo!

sábado, 6 de octubre de 2012

"A encrucillada das tres forcas", por Katurian K. Katurian

"Un home esperta na forca de ferro onde o deixaron para que morrese de fame. Sabe que era culpable do crime polo que o meteron alí, pero non é quen de lembrar o crime cometido. Na encrucillada onde está hai outras dúas forcas; nunha delas hai una placa que na que se pode ler “violador”, e na segunda, outra placa coa lenda “asasino”. Na gaiola do violador hai un esqueleto cuberto de po; hai un vello agonizante dentro da gaiola do asasino. O noso home non pode ler a placa que hai por fóra da súa propia gaiola, así que lle pide ao vello que lla lea, para saber o que fixo. O vello mira a placa, mira ao home, e logo esbírralle na cara anoxado.  Chegan unhas monxas. Rezan polo violador morto. Danlle comer e beber ao vello asasino. Len o crime do noso home. Quedan sen alento e foxen chorando. Chega un bandoleiro. Observa ao violador sen moito interese. Mira ao vello asasino, rompe a fechadura da gaiola, e déixao ir. Acércase á gaiola do noso home, e le o seu crime. O bandoleiro, sorrí un chisco. O noso home devolve o sorriso, un chisco. O bandoleiro apunta coa pistola e atravésalle o corazón. Mentres o noso home morre, berra, “Dime tan só o que fixen!” O bandoleiro vaise sen dicirlle o que fixera. As últimas palabras do noso home foron “Irei ao inferno?” E o último son que escoita é a risa compracida do bandoleiro."

Asdo. Katurian K. Katurian    

lunes, 1 de octubre de 2012

O HOME ALMOFADA no FITO de OURENSE!

O día 9 de Outubro ilMaquinario Teatro participará coa súa montaxe O HOME ALMOFADA no 5º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Entre outros, compartiremos cartaz con compañías  como Granhoj Dans, Goliardos, Teatro Tascabile de Bérgamo, Malayerba, Kamikaze, Patrice Thibaud ou os galegos Inversa, Ibuprofeno, Demolicións Ferreira ou Voadora. Un pracer absoluto!

sábado, 22 de septiembre de 2012

Entrevista no Diario Cultural da RTVG

Enlace a entrevista feita  a Tito Asorey no Diario Cultural da RTVG, con respecto á estrea da peza O HOME ALMOFADA.

Entrevista

jueves, 6 de septiembre de 2012

O día despois da estrea...


Moitísimas grazas a todos os que nos acompañastes tanto na estrea do Carballiño como na preestrea na Sala Pedra Seixa de Vigo, así como todos aqueles que nos axudaron a levar a cabo este espectáculo!.  Despois dun verán adicados á investigar a mellor maneira de contar esta traxedia contemporánea, a reaccion do público non puido ser mellor, mesturándose emoción, sorrisos, tensión e tenrura...

 Deixamos aquí algunhas fotos do noso espectáculo, realizadas por AitorUve.

O Home Almofada comezou a camiñar polas terras galegas! Próxima estación: OURENSE!

                           
Katurian conta o Home Almofada

Homes de honor...

Prosegue o interrogatorio...

viernes, 31 de agosto de 2012

Cartaz definitivo do espectáculo

Sae á luz o cartaz definitivo do noso primeiro espectáculo, que recordamos se estrea o 5 de Setembro no Auditorio de O Carballiño, ás 22:30 da noite!!!



O cartaz está deseñado por José Lameiras, sobre unha fotografía de AitorUve.

jueves, 9 de agosto de 2012

Na metade do proceso...

A falta de máis ou menos un mes para a nosa estrea, a cousa vai vento en popa. Os personaxes toman forma, corpo e voz de man de catro actores novos pero cunha grande experiencia. Catro personaxes que teñen en común unha infancia derrubada pola violencia que os rodeaba. Un thriller cruel pero fondamente tenro que agardamos sexa disfrutado polos espectadores tanto como nós estamos disfrutando construíndoo, vivindo uns ensaios intensos, duros e esixentes para unha peza igualmente dura e esixente.  Un teatro arriscado para tempos difíciles. O teatro que nestes tempos que corren, estimamos fondamente necesario.







martes, 24 de julio de 2012

O noso espectáculo: O HOME ALMOFADA, de Martin McDonagh

Este é o cartaz do noso primeiro espectáculo: O HOME ALMOFADA, do dramaturgo angloirlandés Martin McDonagh. Estrearemos esta comedia moi, moi negra no FETEGA do Carballiño, o día 5 de Setembro deste ano...máis información, nos vindeiros días!


domingo, 15 de julio de 2012

Próximamente...


En breve adiantaremos máis novas sobre o noso primeiro proxecto, que estrearemos a principios de Setembro na provincia de Ourense...

Quén son ilMaquinario?

ilMaquinario Teatro xorde da unión de cinco profesionais do teatro galego que, tras coñecerse no marco dos seus estudos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia,  decidiron unirse para elaborar un proxecto teatral común, baseado na investigación e posta en escena de dramaturxias contemporáneas. 

TITO ASOREY
Director de escena
Licenciado en Historia e Titulado Superior en Arte Dramática, especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia. Comeza a súa carreira profesional como intérprete en Sarabela Teatro, compañía na que traballa de xeito ininterrompido dende o ano 2000 ata o 2010. No ano 2011 pasa a formar parte do elenco da última montaxe de Ur Teatro, Macbeth, dirixida por Helena Pimenta. Esta experiencia como actor foi complementada coa dirección de múltiples colectivos teatrais, entre os que destaca o Grupo de Teatro Tarumba, co que acadou nos anos 2007, 2008 e 2010 o Premio Nacional de Teatro Joven Buero ao mellor espectáculo e á mellor dirección polas súas montaxes Remanente #1, Mort  e Don Juan, que foron representadas na sede do Centro Dramático Nacional. No ano 2010 da o paso á dirección profesional coa montaxe Ai Carmela!, da compañía Teatro de Adro

FRAN LAREU
Actor
Fran Lareu é Titulado Superior en Arte Dramática na especialidade de Interpretación Textual pola ESAD de Galicia. Despois de pasar pola escola Espazo Aberto de Santiago de Compostela, comeza a súa relación profesional coa farándula da man das compañías Viravolta e Seisdedos. Seguirase formando no mundo das artes con mestres como Joseph Collard (clown), Nuria Montero ou Ángel Almazán (voz), ademais de obter unha bolsa da Unión Europea para a realización dun curso de teatro e circo na República Checa. Continúa a súa carreira profesional coas compañías Teatro da Gavela, Zancalino Produs, Fantoches Baj, Boneca Lareta, Nasdrovia Producciones e Elefante Elegante, onde realiza obras como O Forno. Formouse ademais no conservatorio profesional de Lalín como trompetista e traballou en diferentes cargos de dirección e produción en series de televisión e cine.

MELANIA CRUZ
Actriz
Melania Cruz (Diplomada en Maxisterio por Lingua Estranxeira e Titulada Superior en Arte Dramática, especialidade de Interpretación Textual) interésase dende nova polo teatro afeccionado da súa cidade. Despois  fórmase na Aula Universitaria da USC no Campus de Lugo baixo a dirección de Paloma Lugilde e Quico Cadaval, asistindo tamén a diversos talleres impartidos por profesionais como Vicente Fuentes, Isabel Úbeda, Fernando Soto, Manuel Lourenzo, Nuria Inglada, Ermel Morales, Ánxeles Cuña, Jeremy James ou Eduardo Vasco. Finalmente, decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Como actriz profesional, está vinculada á produtora Escénate dende o 2009 con tres espectáculos e a Teatro de Adro con Ai, Carmela!, estreado en 2010. 


LAURA MÍGUEZ
Actriz
Titulada Superior en Arte Dramática, Diplomada en Educación Social, e con formación na Escola de Arte Superior de Deseño. Inicia a súa andaina no teatro afeccionado en 2001 sendo dirixida por Mónica Sueiro, Tegra Carpenter ou Thelma Putnam. A nivel profesional protagoniza un musical con Cachuzo Teatro (Game Over), ademáis de traballar con Boneca Lareta, Arteficción e Teatro de Noroeste (Piratas). Fórmase en Teatro Social, técnica Roy Hart, técnica Suzuki, Sistema Stanislavski, Zancos, Commedia dell´Arte e Clown con profesionais como Manuel Vieites, Nuria Inglada, Petra Hoffmann, Avelino González ou Fina Calleja. Co fundadora da Asociación cultural Marañao. 

FERNANDO GONZÁLEZ
Actor
Fernando González (Titulado Superior en Arte Dramática na especialidade de Intepretación Textual),  coñece o mundo do teatro na súa cidade natal, Ourense, da man de Mónica Sueiro. Fórmase como actor dentro do grupo Teatro do Grilo entre os anos 2003 e 2006. A partires do ano 2006 comeza a súa formación na Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Nela forma parte do proxecto O dondo sabor das mazás, no que se puxeron por vez primeira en pé os textos surrealistas de Álvaro Cunqueiro. Traballa coma profesional dende o ano 2007 na compañía Teatro do Noroeste, coa que participou nas montaxes Romeo e Xulieta, Glass city, Historias Peregrinas e Piratas, todos dirixidos por Eduardo Alonso. No ano 2012 pasa a formar parte do elenco do musical Galicia Caníbal, dirixido por Quico Cadaval. 


viernes, 13 de julio de 2012

Qué é ilMaquinario?


iLMaquinario, Proxectos escénicos é unha compañía de nova creación conformada na súa totalidade por licenciados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia: Fran Lareu, Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez e Fernando González, baixo a cobertura empresarial de Xingreira Produccións.   Nun panorama socioeconómico como o que estamos a vivir, asumimos o risco de crear un proxecto no que nos entregamos con total paixón co fin de por en pé o teatro que soñamos, construído por artistas novos pero con  experiencia en diversas compañías (Ur Teatro, La Imagina Machina, Sarabela Teatro, Teatro de Adro, Teatro do Noroeste, Escénate ou Viravolta). Unha compañía con vocación de continuidade, que privilexie o traballo do actor como explorador da natureza humana, ofrecendo ao seu público historias que susciten debate e controversia, e ao mesmo tempo sexan pracenteiramente lúdicas. Un teatro de grande intensidade sustentado no traballo colectivo e que persegue un novo tipo de relación co espectador.