Para rematar o ano, e agardando que o 2013 nos permita amosar o noso traballo en moitos teatros, colgamos algunhas fotografías da maqueta da escenografía do noso espectáculo O HOME ALMOFADA, realizada por Luis Iglesias "Luchi". Como vedes, o resultado final é prácticamente idéntico, o que constata o bo facer deste gran profesional, sen a axuda do cal este proxecto non tería visto a luz.
lunes, 31 de diciembre de 2012
lunes, 10 de diciembre de 2012
ilMaquinario Teatro cos alumnos dos IES de Ourense
En primeiro lugar queremos comezar este post agradecendo os ánimos e a axuda prestada por todas aquelas persoas que fixeron posible este proxecto. Vós ben sabedes quen sodes, algúns da escola e outros de fóra, que seguides estando moi presentes nas nosas vidas.
O pasado mércores 5 de Decembro tivo lugar unha dobre representación do noso espectáculo O Home Almofada no Teatro principal de Ourense con grande éxito de público, dentro da actividade Novo Teatro, novos espectadores desenvolvido pola Concellaría de Educación da cidade e coordinada por Isabel Doval Ferro, que se atopa enmarcada no programa Teatro, Cine e Escola. A sesión da mañá foi especialmente intensa, xa que a ela asistiron uns 285 alumnos procedentes de Bacharelato, ciclos formativos e grupos de teatro escolares de diversos centros de ensino ourensáns: IES Portobello, O Couto, A Carballeira e Blanco Amor e Universidade Laboral.
Algúns dos alumnos asistentes
Os alumnos mostráronse moi interesados e atentos ao longo da representación, pero durante esta semana completaremos o traballo a través da realización dunha serie de obradoiros con eles nas aulas para poder coñecer as súas imprensións e intercambiar opinións acerca da peza en particular e do teatro como forma de expresión.
Promoción do espectáculo por José Lameiras
martes, 27 de noviembre de 2012
Soneto para ilMaquinario
Soneto composto polo ilustre poeta da ESAD e da rúa García Barbón de Vigo, don Damián Villaviolín, en sentido homenaxe a Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez, Fran Lareu e Fernando González, membros todos eles do combo teatral Il Maquinario, que deleitou honorable e honestamente as nosas sensibilidades, fornecéndonos ao tempo de cultura e benestar, coa representación da excelente e aclamada obra teatral intitulada O home Almofada, traxedia macabra e sutil, con algo de risa, da autoría do súbdito da Súa Maxestade e fillo da Gran Albión Martin MacDonagh, que foi estreada con estruendoso estruendo e exitoso éxito de público e crítica na sala Pedra Seixa do lugar coñecido como ESAD de Galicia, ubicado na rúa Poza Cabalo sen número, da leal, benéfica e olívica cidade de Vigo o día 3 de setembro de 2012, data que ficará inscrita con letras de ouro nos anais da escena galega e nos crónicóns cos que os amantes da arte de Talía darán conta, para edificación e ilustración dos homes do porvir, destes tempos menesterosos e, como vén sendo norma desde o Paleolítico Superior, agridoces.
Quixera chorar, tenras asasinas,
un doce pranto pola vosa dor,
que enche a noite dun mudo pavor
de almas chagadas, de corpos en ruinas.
Medran no espanto coitelas moi finas,
sangran os berces de cruel desamor.
No fango noxento agroma unha flor
que soña contos con voz clandestina.
Anxos terribles sen ás nin espadas,
ide, axudade ao neno solitario!
Deixádelle ver
ao home almofada!
Se cadra é un ser imaxinario,
un golpe de sombra, unha luz calada,
ou só o teatro de Il Maquinario.
viernes, 23 de noviembre de 2012
miércoles, 21 de noviembre de 2012
martes, 13 de noviembre de 2012
jueves, 11 de octubre de 2012
Imaxes da función do FITO
Algunhas imaxes da función do FITO realizadas polo diario dixital Tempo de Lecer, baluarte da información cultural na nosa cidade nestes tempos de escuridade e eleccións...
Michal e Katurian
O conto do porquiño verde
Aplauso
miércoles, 10 de octubre de 2012
Reseña da función no FITO de Ourense
Reseña no diario digital Tempo de Lecer da nosa función no Festival Internacional de Teatro de Ourense. Moitísimas grazas os que nos acompañastes onte a noite nesta tenra e trepidante historia que é O Home Almofada! Teatro Principal cheo!
sábado, 6 de octubre de 2012
"A encrucillada das tres forcas", por Katurian K. Katurian

Asdo. Katurian K. Katurian
viernes, 5 de octubre de 2012
miércoles, 3 de octubre de 2012
martes, 2 de octubre de 2012
lunes, 1 de octubre de 2012
O HOME ALMOFADA no FITO de OURENSE!
O día 9 de Outubro ilMaquinario Teatro participará coa súa montaxe O HOME ALMOFADA no 5º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Entre outros, compartiremos cartaz con compañías como Granhoj Dans, Goliardos, Teatro Tascabile de Bérgamo, Malayerba, Kamikaze, Patrice Thibaud ou os galegos Inversa, Ibuprofeno, Demolicións Ferreira ou Voadora. Un pracer absoluto!
domingo, 30 de septiembre de 2012
sábado, 29 de septiembre de 2012
sábado, 22 de septiembre de 2012
Entrevista no Diario Cultural da RTVG
Enlace a entrevista feita a Tito Asorey no Diario Cultural da RTVG, con respecto á estrea da peza O HOME ALMOFADA.
Entrevista
Entrevista
jueves, 20 de septiembre de 2012
jueves, 6 de septiembre de 2012
O día despois da estrea...
Moitísimas grazas a todos os que nos acompañastes tanto na estrea do Carballiño como na preestrea na Sala Pedra Seixa de Vigo, así como todos aqueles que nos axudaron a levar a cabo este espectáculo!. Despois dun verán adicados á investigar a mellor maneira de contar esta traxedia contemporánea, a reaccion do público non puido ser mellor, mesturándose emoción, sorrisos, tensión e tenrura...
Deixamos aquí algunhas fotos do noso espectáculo, realizadas por AitorUve.
O Home Almofada comezou a camiñar polas terras galegas! Próxima estación: OURENSE!

Katurian conta o Home Almofada
Homes de honor...
Prosegue o interrogatorio...
viernes, 31 de agosto de 2012
Cartaz definitivo do espectáculo
Sae á luz o cartaz definitivo do noso primeiro espectáculo, que recordamos se estrea o 5 de Setembro no Auditorio de O Carballiño, ás 22:30 da noite!!!
O cartaz está deseñado por José Lameiras, sobre unha fotografía de AitorUve.
jueves, 9 de agosto de 2012
Na metade do proceso...
A falta de máis ou menos un mes para a nosa estrea, a cousa vai vento en popa. Os personaxes toman forma, corpo e voz de man de catro actores novos pero cunha grande experiencia. Catro personaxes que teñen en común unha infancia derrubada pola violencia que os rodeaba. Un thriller cruel pero fondamente tenro que agardamos sexa disfrutado polos espectadores tanto como nós estamos disfrutando construíndoo, vivindo uns ensaios intensos, duros e esixentes para unha peza igualmente dura e esixente. Un teatro arriscado para tempos difíciles. O teatro que nestes tempos que corren, estimamos fondamente necesario.
martes, 24 de julio de 2012
O noso espectáculo: O HOME ALMOFADA, de Martin McDonagh
Este é o cartaz do noso primeiro espectáculo: O HOME ALMOFADA, do dramaturgo angloirlandés Martin McDonagh. Estrearemos esta comedia moi, moi negra no FETEGA do Carballiño, o día 5 de Setembro deste ano...máis información, nos vindeiros días!
domingo, 15 de julio de 2012
Próximamente...
En breve adiantaremos máis novas sobre o noso primeiro proxecto, que estrearemos a principios de Setembro na provincia de Ourense...
Quén son ilMaquinario?
ilMaquinario Teatro xorde da unión de cinco profesionais do teatro galego que, tras coñecerse no marco dos seus estudos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, decidiron unirse para elaborar un proxecto teatral común, baseado na investigación e posta en escena de dramaturxias contemporáneas.
TITO ASOREY
Director de escena
Licenciado en Historia e Titulado Superior en Arte Dramática, especialidade de Dirección
de Escena e Dramaturxia. Comeza a súa carreira profesional como intérprete en Sarabela
Teatro, compañía na que traballa de xeito ininterrompido dende o ano 2000 ata o
2010. No ano 2011 pasa a formar parte do elenco da última montaxe de Ur Teatro,
Macbeth, dirixida por Helena Pimenta. Esta experiencia como actor foi
complementada coa dirección de múltiples colectivos teatrais, entre os que
destaca o Grupo de Teatro Tarumba, co que acadou nos anos 2007, 2008 e 2010 o
Premio Nacional de Teatro Joven Buero ao mellor espectáculo e á mellor
dirección polas súas montaxes Remanente #1, Mort e Don
Juan, que foron representadas na sede do Centro Dramático Nacional. No ano
2010 da o paso á dirección profesional coa montaxe Ai Carmela!, da
compañía Teatro de Adro.
FRAN LAREU
Actor
Actor
Fran Lareu é Titulado Superior en Arte Dramática na especialidade de
Interpretación Textual pola ESAD de Galicia. Despois de pasar pola escola
Espazo Aberto de Santiago de Compostela, comeza a súa relación profesional coa
farándula da man das compañías Viravolta e Seisdedos. Seguirase formando no
mundo das artes con mestres como Joseph Collard (clown), Nuria Montero ou Ángel Almazán (voz), ademais de obter unha bolsa da Unión Europea para a
realización dun curso de teatro e circo na República Checa. Continúa a súa
carreira profesional coas compañías Teatro da Gavela, Zancalino Produs,
Fantoches Baj, Boneca Lareta, Nasdrovia Producciones e Elefante Elegante, onde
realiza obras como O Forno. Formouse
ademais no conservatorio profesional de Lalín como trompetista e traballou en
diferentes cargos de dirección e produción en series de televisión e cine.
MELANIA CRUZ
Actriz
Melania Cruz (Diplomada en Maxisterio por Lingua Estranxeira e Titulada Superior en Arte Dramática, especialidade de Interpretación Textual) interésase dende nova polo teatro afeccionado da súa cidade. Despois fórmase na Aula Universitaria da USC no Campus de Lugo baixo a dirección de Paloma Lugilde e Quico Cadaval, asistindo tamén a diversos talleres impartidos por profesionais como Vicente Fuentes, Isabel Úbeda, Fernando Soto, Manuel Lourenzo, Nuria Inglada, Ermel Morales, Ánxeles Cuña, Jeremy James ou Eduardo Vasco. Finalmente, decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Como actriz profesional, está vinculada á produtora Escénate dende o 2009 con tres espectáculos e a Teatro de Adro con Ai, Carmela!, estreado en 2010.
Melania Cruz (Diplomada en Maxisterio por Lingua Estranxeira e Titulada Superior en Arte Dramática, especialidade de Interpretación Textual) interésase dende nova polo teatro afeccionado da súa cidade. Despois fórmase na Aula Universitaria da USC no Campus de Lugo baixo a dirección de Paloma Lugilde e Quico Cadaval, asistindo tamén a diversos talleres impartidos por profesionais como Vicente Fuentes, Isabel Úbeda, Fernando Soto, Manuel Lourenzo, Nuria Inglada, Ermel Morales, Ánxeles Cuña, Jeremy James ou Eduardo Vasco. Finalmente, decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Como actriz profesional, está vinculada á produtora Escénate dende o 2009 con tres espectáculos e a Teatro de Adro con Ai, Carmela!, estreado en 2010.
LAURA MÍGUEZ
Actriz
Titulada Superior en Arte Dramática, Diplomada en Educación Social, e con formación na Escola de Arte Superior de Deseño. Inicia a súa andaina no teatro afeccionado en 2001 sendo dirixida por Mónica Sueiro, Tegra Carpenter ou Thelma Putnam. A nivel profesional protagoniza un musical con Cachuzo Teatro (Game Over), ademáis de traballar con Boneca Lareta, Arteficción e Teatro de Noroeste (Piratas). Fórmase en Teatro Social, técnica Roy Hart, técnica Suzuki, Sistema Stanislavski, Zancos, Commedia dell´Arte e Clown con profesionais como Manuel Vieites, Nuria Inglada, Petra Hoffmann, Avelino González ou Fina Calleja. Co fundadora da Asociación cultural Marañao.
FERNANDO GONZÁLEZ
Actor
Fernando González
(Titulado Superior en Arte Dramática na especialidade de Intepretación Textual), coñece o mundo do teatro na súa cidade
natal, Ourense, da man de Mónica Sueiro. Fórmase como actor dentro do grupo
Teatro do Grilo entre os anos 2003 e 2006. A partires do ano 2006 comeza a
súa formación na Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Nela forma parte
do proxecto O dondo sabor das mazás, no
que se puxeron por vez primeira en pé os textos surrealistas de Álvaro
Cunqueiro. Traballa coma profesional dende o ano 2007 na compañía Teatro do
Noroeste, coa que participou nas montaxes
Romeo e Xulieta, Glass city, Historias Peregrinas e Piratas, todos dirixidos por Eduardo Alonso. No ano 2012 pasa a formar parte do elenco do musical Galicia Caníbal, dirixido por Quico Cadaval.
viernes, 13 de julio de 2012
Qué é ilMaquinario?
iLMaquinario, Proxectos
escénicos é unha compañía de nova creación conformada
na súa totalidade por licenciados da Escola Superior de Arte Dramática de
Galicia: Fran Lareu, Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez e Fernando González, baixo a cobertura empresarial de Xingreira Produccións. Nun panorama socioeconómico como o que estamos a vivir, asumimos o
risco de crear un proxecto no que nos entregamos con total paixón co fin de por
en pé o teatro que soñamos, construído por artistas novos pero con experiencia en diversas compañías (Ur
Teatro, La Imagina Machina, Sarabela Teatro, Teatro de Adro, Teatro do Noroeste, Escénate ou
Viravolta). Unha compañía con vocación de continuidade, que privilexie o traballo
do actor como explorador da natureza humana, ofrecendo ao seu público historias
que susciten debate e controversia, e ao mesmo tempo sexan pracenteiramente
lúdicas. Un teatro de grande intensidade sustentado no traballo colectivo e que
persegue un novo tipo de relación co espectador.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)