lunes, 8 de julio de 2013
"O Home Almofada", seleccionado para a MIT de Ribadavia!!!!
Estimad@s amig@s de IlMaquinario Teatro: sentímonos absolutamente felices, satisfeitos e encantados de poder comunicarvos A NOSA PARTICIPACIÓN CO ESPECTÁCULO O HOME ALMOFADA na MIT 2013!!!!! Para nós supón unha enorme honra a posibilidade de formar parte deste festival de tan longa e importante traxectoria e, por suposto, de poder facelo ao carón de profesionais tan grandes como son todos aqueles cos que compartimos cartel nesta 29 ª edición. A representación terá lugar na Casa de Cultura de Ribadavia o día 27 de Xullo ás 21:00 h.
Moitas grazas a tod@s @s que nos apoiastes e apoiades; sen vós todo isto non tería sido posible!!!
Velaquí o enlace á programación da Mostra: http://mitribadavia.com/programa/#
martes, 7 de mayo de 2013
Crítica de Hugo Álvarez en Butaca en Anfiteatro
Despois da función no Forum metropolitano de A Coruña, Hugo Álvarez acaba de sacar unha crítica sobre o noso espectáculo O Home Almofada no blog de crítica teatral Butaca en Anfiteatro. Leva por título
‘O Home Almofada’, o remover para convencer
Crítica completa en:
sábado, 16 de marzo de 2013
Xira de Primavera de O HOME ALMOFADA!
Presentamos a continuación a xira de Primavera 2013 de O HOME ALMOFADA, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios!!:
12 de Abril: LALÍN, Novo Teatro Auditorio
26 de Abril: CARBALLO, Pazo da Cultura
3 de Maio: A CORUÑA, Fórum Metropolitano
16 de Maio: LUGO, Auditorio Gustavo Freire
3 de Xuño: RIBADEO, Auditorio Hernán Naval
Agardámosvos nesta xira pola nosa comunidade!!
viernes, 8 de marzo de 2013
Crítica de Cristina Díaz en El Club Express
Na páxina web cultural El club Express Cristina Díaz fixo unha crítica da nosa peza, despois de ter asistido á función realizada no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta comeza así...El cocktail de Il Maquinario: juventud, vocación, experiencia, audacia. Han llegado para quedarse.
A crítica pódese ler completa neste enlace:
jueves, 7 de marzo de 2013
O HOME ALMOFADA no Barco de Valdeorras!
Este venres, día 8 de Marzo, chegará ao teatro Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras a nosa peza, O HOME ALMOFADA, ás 21:00 horas. Adxuntamos a continuación o texto publicitario do facebook do propio teatro:
"A compañía Il Maquinario, que malia o nome non son italianos, está formada por xente moza titulados da ESAD de Galicia dirixidos por Tito Asorey. É a súa primeira montaxe no teatro profesional e botan man dun dos dramaturgos de maior éxito na escena internacional, Martin MacDonagh. O home almofada é unha historia sobre a violencia e a inocencia coa contundencia descarnada, a tentura e o sarcasmo do teatro de MacDonagh, que o público do Barco ha lembrar en títulos como "A Raiña da beleza de Leenane", "Un cranio furado" ou "Oeste solitario". E falando de lembrar, Melania Cruz, unha das protagonistas deste "O home almofada" é a actriz que tanto gustou no "Ai Carmela", de Sanchis Sinisterra, que trouxo ao Barco a temporada pasada Teatro do Adro. Xa vedes que hai moitas razóns para non faltar este venres ao teatro. Coma sempre ás 21 horas, entrada 5 euros."
miércoles, 6 de marzo de 2013
Crítica de Damián Villalaín en TEMPOS NOVOS
Adxuntamos aquí, co permiso do seu autor, a crítica de O HOME ALMOFADA que Damián Villalaín escribe no último número da revista "Tempos Novos":
"Dirixir teatro é unha
das cousas máis difíciles do mundo. Trátase de tomar continuamente decisións
que na maior parte dos casos resultan irreversibles, pois cada unha desas
decisións afecta ás xa tomadas e postas en práctica. Esa posta en práctica equivale ao avance na construción da obra
teatral, unha tarefa que debe executarse nun tempo bastante limitado. As
decisións –miles- afectan ao texto do que se parte, aos intérpretes cos que se
traballa, ao espazo no que se vai representar, aos aspectos técnicos, ás
reaccións do público… Un traballo estresante, pura artesanía intelectual que, paradoxalmente, debe ser realizado
por persoas de tempero non especialmente seguro, con certa tendencia á reflexión
e á dúbida. Creo que eu necesitaría un par de anos, quizais algún máis, para
facer o que Tito Asorey fixo nun par de meses con O home almofada, o espectáculo co que iniciou a súa andaina a
compañía ourensá Il Maquinario. Houbo quen me dixo, tirando un pouco do tópico,
que O home almofada é unha desas
obras que che devolven a fé no teatro, razonamento que non comparto por non
crer que o teatro sexa unha cuestión de fé, senón máis ben de kairós, de apertura á posibilidade de
que algo importante e talvez imprevisto ocorra. E na peza que gloso ocorren
cousas, cousas horrorosas e irrisorias que non están só latexantes no texto
espléndido de Martin McDonagh, senón sobre todo no sentido que Tito Asorey e o
seu sensible cuarteto actoral proporcionan a unha historia que en mans menos
finas podería ter derivado cara roteiros melodramáticos, previsibles,
maniqueos, desastrosos. Se O home
almofada vale o moito que vale é porque agroma nela unha sabiduría sobre as
cousas humanas que vai máis alá do saber facer escénico. Il Maquinario
comprendeu e soubo tratar cunha obra que fala de nenos maltratados e de arte. É
un asunto vidrioso, agás que se afronte sen pliegues, desde a posición
facilmente eticista da denuncia e condena. Pero nese caso a obra sería outra,
non a cousa extrema, ambigua e desacougante que imaxinou Martin McDonagh.
Supoño que o autor británico cruzaría os dedos ao poñerlle o punto final
pensando nos posibles malentendidos e nos conseguintes estragos dos que podería
ser obxecto o seu texto. En Galicia, por fortuna, caeu en mans de Il
Maquinario, unha compañía –alégrame poder dicilo- integrada por antigos alumnos
da ESAD de Galicia."
Damián Villalaín
martes, 5 de marzo de 2013
Crítica de O HOME ALMOFADA
Publicamos a continuación a crítica de O Home Almofada aparecida no blog "El círculo de Artur", firmada por MERCUCCIO, co permiso do seu autor:
"O home almofada é a primeira producción e IlMaquinario Teatro, e para esta súa primeira presentación ante o público escolleron a peza O home almofada do autor Irlandés Martin McDonagh.
A obra de MacDonagh, que se define habitualmente como “humor negro”, xira ao redor de personaxes que afrontan situacións límites e que veñen marcados por pasados traumáticos, relacións familiares enfermizas, e nos que a conciencia da morte é unha constante. As tramas as construe este autor como un xogo de espellos no que nada é o que aparenta ser.
A experiencia nos ten avisados de que a calidade dun texto non garantiza a calidade dunha funcion. Sabemos que Shakesperare o Beltold Brecht son autores excelentes, pero todos temos asistido a insufribles representacións destes autores. Tamén as pezas do propio McDonagh, autor moi representado en Galicia, foron postas en escea entre nós dun xeito que abondaba máis no seu envoltorio cómico eludindo (se cadra por contentar ao público) a carga de profundidade, ese transfondo no que se agocha a verdadeira mensaxe que o autor pretende trasmitir.
O primeiro dos moitos méritos deste traballo inaugural de IlMaquinario Teatro é presisamente o de asumir o texto e non ir en contra del. Non manipular ese texto con intención de “gustar” ( que non convencer) ou “abraiar” ( que non enfeitizar), senón afondar honradamente nel utilizando ferramentas xenuinamente teatrais.
Sabedores de que en teatro os conceptos non son nada senon se sustancian en emoción, os compoñentes de IlMaquinario Teatro nos agasallaron cun “Home almofada” que nos mantivo atados á butaca, enfrascados na historia que nos estaban a contar. Nin máis nin menos! Parece o normal, sí, pero non é o máis frecuente.
Durante toda a representación de este “Home almofada” lógrase manter esa difícil tensión entre o envoltorio cómico e o fondo tráxico na que consiste o verdadeiro humor. Ese humor está presente durante toda a representación sen ningún tipo de concesións a unha comicidade superficial e se sublima en ocasións ata raiar no poético.
A emoción que suscita esta función está tamén baseada en cousas aparentemente obvias, pero infrecuentes: lectura intelixente, escenografía, iluminación e música apropiadas, posta en escea coherente, “tempo” apropiado e, sobre todo, un traballo actoral moi serio e equilibrado, apoiado, e se nota, por una dirección que valora moi especialmente esa faceta do seu traballo. Os catro intérpretes acadan un notable nivel.
Son razóns abondo para asistir ás funcións desta producción que, por certo, non foi subvencionada. Os cinco compoñentes de IlMaquinario non asumiron só un risco artístico senón tamén un risco económico.
Ogallá esta nova compañía continúe traballando nesta liña de seriedade e coherencia."
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
.jpg)



.jpg)