miércoles, 6 de marzo de 2013

Crítica de Damián Villalaín en TEMPOS NOVOS

Adxuntamos aquí, co permiso do seu autor, a crítica de O HOME ALMOFADA que Damián Villalaín escribe no último número da revista "Tempos Novos":



"Dirixir teatro é unha das cousas máis difíciles do mundo. Trátase de tomar continuamente decisións que na maior parte dos casos resultan irreversibles, pois cada unha desas decisións afecta ás xa tomadas e postas en práctica. Esa posta en práctica equivale ao avance na construción da obra teatral, unha tarefa que debe executarse nun tempo bastante limitado. As decisións –miles- afectan ao texto do que se parte, aos intérpretes cos que se traballa, ao espazo no que se vai representar, aos aspectos técnicos, ás reaccións do público… Un traballo estresante, pura artesanía intelectual  que, paradoxalmente, debe ser realizado por persoas de tempero non especialmente seguro, con certa tendencia á reflexión e á dúbida. Creo que eu necesitaría un par de anos, quizais algún máis, para facer o que Tito Asorey fixo nun par de meses con O home almofada, o espectáculo co que iniciou a súa andaina a compañía ourensá Il Maquinario. Houbo quen me dixo, tirando un pouco do tópico, que O home almofada é unha desas obras que che devolven a fé no teatro, razonamento que non comparto por non crer que o teatro sexa unha cuestión de fé, senón máis ben de kairós, de apertura á posibilidade de que algo importante e talvez imprevisto ocorra. E na peza que gloso ocorren cousas, cousas horrorosas e irrisorias que non están só latexantes no texto espléndido de Martin McDonagh, senón sobre todo no sentido que Tito Asorey e o seu sensible cuarteto actoral proporcionan a unha historia que en mans menos finas podería ter derivado cara roteiros melodramáticos, previsibles, maniqueos, desastrosos. Se O home almofada vale o moito que vale é porque agroma nela unha sabiduría sobre as cousas humanas que vai máis alá do saber facer escénico. Il Maquinario comprendeu e soubo tratar cunha obra que fala de nenos maltratados e de arte. É un asunto vidrioso, agás que se afronte sen pliegues, desde a posición facilmente eticista da denuncia e condena. Pero nese caso a obra sería outra, non a cousa extrema, ambigua e desacougante que imaxinou Martin McDonagh. Supoño que o autor británico cruzaría os dedos ao poñerlle o punto final pensando nos posibles malentendidos e nos conseguintes estragos dos que podería ser obxecto o seu texto. En Galicia, por fortuna, caeu en mans de Il Maquinario, unha compañía –alégrame poder dicilo- integrada por antigos alumnos da ESAD de Galicia."
Damián Villalaín

No hay comentarios:

Publicar un comentario