"O home almofada é a primeira producción e IlMaquinario Teatro, e para esta súa primeira presentación ante o público escolleron a peza O home almofada do autor Irlandés Martin McDonagh.
A obra de MacDonagh, que se define habitualmente como “humor negro”, xira ao redor de personaxes que afrontan situacións límites e que veñen marcados por pasados traumáticos, relacións familiares enfermizas, e nos que a conciencia da morte é unha constante. As tramas as construe este autor como un xogo de espellos no que nada é o que aparenta ser.
A experiencia nos ten avisados de que a calidade dun texto non garantiza a calidade dunha funcion. Sabemos que Shakesperare o Beltold Brecht son autores excelentes, pero todos temos asistido a insufribles representacións destes autores. Tamén as pezas do propio McDonagh, autor moi representado en Galicia, foron postas en escea entre nós dun xeito que abondaba máis no seu envoltorio cómico eludindo (se cadra por contentar ao público) a carga de profundidade, ese transfondo no que se agocha a verdadeira mensaxe que o autor pretende trasmitir.
O primeiro dos moitos méritos deste traballo inaugural de IlMaquinario Teatro é presisamente o de asumir o texto e non ir en contra del. Non manipular ese texto con intención de “gustar” ( que non convencer) ou “abraiar” ( que non enfeitizar), senón afondar honradamente nel utilizando ferramentas xenuinamente teatrais.
Sabedores de que en teatro os conceptos non son nada senon se sustancian en emoción, os compoñentes de IlMaquinario Teatro nos agasallaron cun “Home almofada” que nos mantivo atados á butaca, enfrascados na historia que nos estaban a contar. Nin máis nin menos! Parece o normal, sí, pero non é o máis frecuente.
Durante toda a representación de este “Home almofada” lógrase manter esa difícil tensión entre o envoltorio cómico e o fondo tráxico na que consiste o verdadeiro humor. Ese humor está presente durante toda a representación sen ningún tipo de concesións a unha comicidade superficial e se sublima en ocasións ata raiar no poético.
A emoción que suscita esta función está tamén baseada en cousas aparentemente obvias, pero infrecuentes: lectura intelixente, escenografía, iluminación e música apropiadas, posta en escea coherente, “tempo” apropiado e, sobre todo, un traballo actoral moi serio e equilibrado, apoiado, e se nota, por una dirección que valora moi especialmente esa faceta do seu traballo. Os catro intérpretes acadan un notable nivel.
Son razóns abondo para asistir ás funcións desta producción que, por certo, non foi subvencionada. Os cinco compoñentes de IlMaquinario non asumiron só un risco artístico senón tamén un risco económico.
Ogallá esta nova compañía continúe traballando nesta liña de seriedade e coherencia."
No hay comentarios:
Publicar un comentario