martes, 27 de noviembre de 2012

Soneto para ilMaquinario



Soneto composto polo ilustre poeta da ESAD e da rúa García Barbón de Vigo, don Damián Villaviolín, en sentido homenaxe a Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez, Fran Lareu e Fernando González, membros todos eles do combo teatral Il Maquinario, que deleitou honorable e honestamente as nosas sensibilidades, fornecéndonos ao tempo de cultura e benestar, coa representación da excelente e aclamada obra teatral intitulada O home Almofada, traxedia macabra e sutil, con algo de risa, da autoría do súbdito da Súa Maxestade e fillo da Gran Albión Martin MacDonagh, que foi estreada con estruendoso estruendo e exitoso éxito de público e crítica na sala Pedra Seixa do lugar coñecido como ESAD de Galicia, ubicado na rúa Poza Cabalo sen número, da leal, benéfica e olívica cidade de Vigo o día 3 de setembro de 2012, data que ficará inscrita con letras de ouro nos anais da escena galega e nos crónicóns cos que os amantes da arte de Talía darán conta, para edificación e ilustración dos homes do porvir, destes tempos menesterosos e, como vén sendo norma desde o Paleolítico Superior, agridoces.


Quixera chorar, tenras asasinas,
un doce pranto pola vosa dor,
que enche a noite dun mudo pavor
de almas chagadas, de corpos en ruinas.

Medran no espanto coitelas moi finas,
sangran os berces  de cruel desamor.
No fango noxento agroma unha flor
que soña contos con voz clandestina.

Anxos terribles sen ás nin espadas,
ide, axudade ao neno solitario!
Deixádelle ver ao home almofada!

Se cadra é un ser imaxinario,
un golpe de sombra, unha luz calada,
ou só o teatro de Il Maquinario.

jueves, 11 de octubre de 2012

Imaxes da función do FITO


Algunhas imaxes da función do FITO realizadas polo diario dixital Tempo de Lecer, baluarte da información cultural na nosa cidade nestes tempos de escuridade e eleccións...

Michal e Katurian

 O conto do porquiño verde

Aplauso 

miércoles, 10 de octubre de 2012

Reseña da función no FITO de Ourense

Reseña no diario digital Tempo de Lecer da nosa función no Festival Internacional de Teatro de Ourense. Moitísimas grazas os que nos acompañastes onte a noite nesta tenra e trepidante historia que é O Home Almofada! Teatro Principal cheo!

sábado, 6 de octubre de 2012

"A encrucillada das tres forcas", por Katurian K. Katurian

"Un home esperta na forca de ferro onde o deixaron para que morrese de fame. Sabe que era culpable do crime polo que o meteron alí, pero non é quen de lembrar o crime cometido. Na encrucillada onde está hai outras dúas forcas; nunha delas hai una placa que na que se pode ler “violador”, e na segunda, outra placa coa lenda “asasino”. Na gaiola do violador hai un esqueleto cuberto de po; hai un vello agonizante dentro da gaiola do asasino. O noso home non pode ler a placa que hai por fóra da súa propia gaiola, así que lle pide ao vello que lla lea, para saber o que fixo. O vello mira a placa, mira ao home, e logo esbírralle na cara anoxado.  Chegan unhas monxas. Rezan polo violador morto. Danlle comer e beber ao vello asasino. Len o crime do noso home. Quedan sen alento e foxen chorando. Chega un bandoleiro. Observa ao violador sen moito interese. Mira ao vello asasino, rompe a fechadura da gaiola, e déixao ir. Acércase á gaiola do noso home, e le o seu crime. O bandoleiro, sorrí un chisco. O noso home devolve o sorriso, un chisco. O bandoleiro apunta coa pistola e atravésalle o corazón. Mentres o noso home morre, berra, “Dime tan só o que fixen!” O bandoleiro vaise sen dicirlle o que fixera. As últimas palabras do noso home foron “Irei ao inferno?” E o último son que escoita é a risa compracida do bandoleiro."

Asdo. Katurian K. Katurian