martes, 27 de noviembre de 2012

Soneto para ilMaquinario



Soneto composto polo ilustre poeta da ESAD e da rúa García Barbón de Vigo, don Damián Villaviolín, en sentido homenaxe a Tito Asorey, Melania Cruz, Laura Míguez, Fran Lareu e Fernando González, membros todos eles do combo teatral Il Maquinario, que deleitou honorable e honestamente as nosas sensibilidades, fornecéndonos ao tempo de cultura e benestar, coa representación da excelente e aclamada obra teatral intitulada O home Almofada, traxedia macabra e sutil, con algo de risa, da autoría do súbdito da Súa Maxestade e fillo da Gran Albión Martin MacDonagh, que foi estreada con estruendoso estruendo e exitoso éxito de público e crítica na sala Pedra Seixa do lugar coñecido como ESAD de Galicia, ubicado na rúa Poza Cabalo sen número, da leal, benéfica e olívica cidade de Vigo o día 3 de setembro de 2012, data que ficará inscrita con letras de ouro nos anais da escena galega e nos crónicóns cos que os amantes da arte de Talía darán conta, para edificación e ilustración dos homes do porvir, destes tempos menesterosos e, como vén sendo norma desde o Paleolítico Superior, agridoces.


Quixera chorar, tenras asasinas,
un doce pranto pola vosa dor,
que enche a noite dun mudo pavor
de almas chagadas, de corpos en ruinas.

Medran no espanto coitelas moi finas,
sangran os berces  de cruel desamor.
No fango noxento agroma unha flor
que soña contos con voz clandestina.

Anxos terribles sen ás nin espadas,
ide, axudade ao neno solitario!
Deixádelle ver ao home almofada!

Se cadra é un ser imaxinario,
un golpe de sombra, unha luz calada,
ou só o teatro de Il Maquinario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario