miércoles, 6 de marzo de 2013

Crítica de Damián Villalaín en TEMPOS NOVOS

Adxuntamos aquí, co permiso do seu autor, a crítica de O HOME ALMOFADA que Damián Villalaín escribe no último número da revista "Tempos Novos":



"Dirixir teatro é unha das cousas máis difíciles do mundo. Trátase de tomar continuamente decisións que na maior parte dos casos resultan irreversibles, pois cada unha desas decisións afecta ás xa tomadas e postas en práctica. Esa posta en práctica equivale ao avance na construción da obra teatral, unha tarefa que debe executarse nun tempo bastante limitado. As decisións –miles- afectan ao texto do que se parte, aos intérpretes cos que se traballa, ao espazo no que se vai representar, aos aspectos técnicos, ás reaccións do público… Un traballo estresante, pura artesanía intelectual  que, paradoxalmente, debe ser realizado por persoas de tempero non especialmente seguro, con certa tendencia á reflexión e á dúbida. Creo que eu necesitaría un par de anos, quizais algún máis, para facer o que Tito Asorey fixo nun par de meses con O home almofada, o espectáculo co que iniciou a súa andaina a compañía ourensá Il Maquinario. Houbo quen me dixo, tirando un pouco do tópico, que O home almofada é unha desas obras que che devolven a fé no teatro, razonamento que non comparto por non crer que o teatro sexa unha cuestión de fé, senón máis ben de kairós, de apertura á posibilidade de que algo importante e talvez imprevisto ocorra. E na peza que gloso ocorren cousas, cousas horrorosas e irrisorias que non están só latexantes no texto espléndido de Martin McDonagh, senón sobre todo no sentido que Tito Asorey e o seu sensible cuarteto actoral proporcionan a unha historia que en mans menos finas podería ter derivado cara roteiros melodramáticos, previsibles, maniqueos, desastrosos. Se O home almofada vale o moito que vale é porque agroma nela unha sabiduría sobre as cousas humanas que vai máis alá do saber facer escénico. Il Maquinario comprendeu e soubo tratar cunha obra que fala de nenos maltratados e de arte. É un asunto vidrioso, agás que se afronte sen pliegues, desde a posición facilmente eticista da denuncia e condena. Pero nese caso a obra sería outra, non a cousa extrema, ambigua e desacougante que imaxinou Martin McDonagh. Supoño que o autor británico cruzaría os dedos ao poñerlle o punto final pensando nos posibles malentendidos e nos conseguintes estragos dos que podería ser obxecto o seu texto. En Galicia, por fortuna, caeu en mans de Il Maquinario, unha compañía –alégrame poder dicilo- integrada por antigos alumnos da ESAD de Galicia."
Damián Villalaín

martes, 5 de marzo de 2013

Crítica de O HOME ALMOFADA

Publicamos a continuación a crítica de O Home Almofada aparecida no blog "El círculo de Artur", firmada por MERCUCCIO, co permiso do seu autor:

"O home almofada é a primeira producción e IlMaquinario Teatro, e para esta súa primeira presentación ante o público escolleron a peza O home almofada do autor Irlandés Martin McDonagh.

A obra de MacDonagh, que se define habitualmente como “humor negro”, xira ao redor de personaxes que afrontan situacións límites e que veñen marcados por pasados traumáticos, relacións familiares enfermizas, e nos  que a conciencia da morte  é unha constante. As tramas as construe este autor como un xogo de espellos no que nada é o que aparenta ser.

A experiencia nos ten avisados de que a calidade dun texto non garantiza a calidade dunha funcion. Sabemos que Shakesperare o Beltold Brecht son autores excelentes, pero todos temos asistido a insufribles representacións destes autores. Tamén as pezas do propio McDonagh, autor moi representado en Galicia, foron postas en escea entre nós dun xeito que abondaba máis no seu envoltorio cómico eludindo (se cadra por contentar ao público) a carga de profundidade, ese transfondo no que se agocha a verdadeira mensaxe que o autor pretende trasmitir.

O primeiro dos moitos méritos deste traballo inaugural de IlMaquinario Teatro é presisamente o de asumir o texto e non ir en contra del. Non manipular  ese texto con intención  de “gustar” ( que non convencer) ou “abraiar” ( que non enfeitizar), senón afondar honradamente nel utilizando ferramentas xenuinamente teatrais.

Sabedores de que en teatro os conceptos non son nada senon se sustancian en emoción, os compoñentes de IlMaquinario Teatro nos agasallaron cun “Home almofada” que nos mantivo atados á  butaca, enfrascados na historia que nos estaban a contar. Nin máis nin menos! Parece o normal, sí, pero non é o máis frecuente.

Durante toda a representación de  este “Home almofada” lógrase manter esa  difícil tensión entre o envoltorio cómico e o fondo tráxico na que consiste o verdadeiro humor. Ese humor está presente durante toda a representación sen ningún tipo de concesións a unha comicidade superficial e se sublima en ocasións ata raiar no poético.

A emoción que  suscita esta función está tamén baseada en cousas aparentemente obvias, pero infrecuentes: lectura intelixente, escenografía, iluminación e música apropiadas, posta en escea coherente, “tempo” apropiado e, sobre todo, un traballo actoral moi serio e equilibrado, apoiado, e se nota, por una dirección que valora moi especialmente esa faceta do seu traballo. Os catro intérpretes acadan un notable nivel.
   
Son razóns abondo para asistir ás funcións desta producción que, por certo, non foi subvencionada. Os cinco compoñentes de IlMaquinario non asumiron só un risco artístico senón tamén un risco económico.

Ogallá esta nova compañía continúe traballando nesta liña de seriedade e coherencia."

viernes, 8 de febrero de 2013

Entrevista na TVG

Antes da nosa función en A Regadiera de Adela, o programa Zig Zag Diario fixo unha entrevista aos membros de ilMaquinario Fran Lareu, Fernando González e Melania Cruz. Velaquí está: