miércoles, 18 de septiembre de 2013

Crítica de O HOME ALMOFADA, por Damián Villalaín, da Revista Galega de Teatro


“IlMaquinario Teatro é unha compañía de recente constitución formada por antigos alumnos da ESAD de Galicia. Os seus integrantes unen a esta condición a de teren desenvolvido no teatro profesional e afeccionado traxectorias que avalan a súa audacia e decisión á hora de abordar proxectos escénicos caracterizados pola súa dificultade e a súa esixencia. Este é o caso de O Home Almofada, un texto do dramaturgo Martin McDonagh, a quen o público galego xa coñece polas montaxes que dalgunhas das súas pezas levaron a cabo compañías como Producións Teatrais Excéntricas, con dirección de Quico Cadaval, e Teatro do Atlántico con Xulio Lago. (...)
A pouco que un clique en internet o nome de McDonagh, non tardarán en decartarse de que a rede foi estendendo arredor deste dramaturgo un conxunto de lugares comúns moi ou pouco acertados. Fálase indistintamente de comedia negra e de teatro da crueldade, das influencias de Harold Pinter e de Synge e tamén as de Mamet, Tarantino e mesmo Homer Simpson. Saliéntase moito que McDonagh se aburre coas montaxes londinenses de Shakespeare e Chejov e que o seu teatro se integraría nunha especie de tendencia denominada in-yer-face, coloquialismo que aquí poderiamos traducir como en todo o morro ou de fomra menos explícita, teatro-hostión-nos-fuciños. Supoño que con isto quere dicirse que os textos de McDonagh gustan de mergullarse a pelo en temáticas escabrosas que reciben, ademáis, un tratamento dramático nada contemporizador. McDonagh inscríbese nese potente movemento do teatro e cine irlandeses que perverte certa tradición lírica algo impostada, de pegada folk e nacionalista, sen acabar de matala. Nos seus textos segue habendo moitas historias dentro da historia central, personaxes redondos e contundentes, situacións de gran crueza e unha sensación de verdade que trascende os riscos máis ou menos fantasiosos ou mesmo inverosímiles da histtoria escenificada. 
Tamén é habitual dicir que os textos de McDonagh teñen moito humor e sinalar, cando se chega este punto, o seu parentesco con Quentin Tarantino. Discrepo: no cineasta americano o humor é un resultado do seu xeito de abordar a violencia, unha violencia que en Tarantino é puro engolfamento no gozo metacinematográfico, mera ficción sobre a ficción. En McDonagh a cousa é ben distinta porque a violencia da que fala é real, tómaa en serio ou, polo menos, non a presenta como o xogo divertido e mentireiro de Tarantino que, maxistralmente estilizado, nos hiponotiza sen culpa nas pantallas. O humor en McDonagh non é un exercicio dese tipo nin tampouco un bálsamo destinado a atenuar e facer máis levadíos os efectos das súas ásperas historias, senón unha consecuencia do descarnado e renovado naturalismo con que se constrúe estas. Que non viu nunca aspectos cómicos nun enterro?
Non tiven ocasión de preguntarllo, peor creo que McDonagh estaría moi contento coa versión que do seu Home Almofada fai ilMaquinario. Mesmo pode que algúns cambios introducidos pola compañía acentúen o interese da proposta orixinal, como é o caso da conversión en mulleres das dúas persoas detidas, homes no texto de McDonagh. En efecto, hai dúas persoas detidas, dúas mulleres que son irmáns. Unha delas (Katurian, interpretado por Melania Cruz) traballa nun matadoiro e escribe terribles historias de aire infantil sobre nenos torturados e asasinados. A outra é Michal (Laura Míguez)(, unha deficiente bastante lista. A detención débese á aparición de dous nenos asasinados ao xeito narrado por Katurian nas súas historias horrorosas e, porén, rebordantes dunha estraña compaixón, algunhas das cales son lidas e ilustradas escénicamente. As dúas irmáns están baixo a custodia de dous policías, Tupolski (Fran Lareu) e Ariel (Fernando González), funcionarios ao servizo dun país innominado que lembra algunha vella ditadura da Europa Oriental.  
A partir destes vimbios argumentais básicos desenvólvese unha sitoria estarrecedora na que vai pouco a pouco agromando a verdade do sucedido. Esa estrutura dramática é a que levou a il Maquinario a cualificar de thriller esta peza que ten moito de parábola brava. É unha historia moi triste e moi dura que pode lerse sen máis como unha denuncia da violencia contra os nenos. Peor convén non quedar aí, pois O Home Almofada fala tamén dos expermientos de enxeñería pedagóxica, da incríble capacidade de resiliencia dos nenos, da dimensión constitutiva das aprendizaxes familiares, da creación artística como camiño de redención e da inevitable omnipresenza da dor, asó como das relacións entre arte e moral e entre ficción e realidade, un asunto que a detestable e hipócrita moda angloamericana do políticamente correcto volveu a poñer de actualidade dun xeito puritano e culpabilizador contra o que semella activarse unha parte substancial do texto de MacDonagh.
Todas estas vetas temáticas, ofrecidas ao espectador sen o adobío de respostas simples, están presentes na montaxe intensa e eficaz dirixida por Tito Asorey. É probable que en mans dun director máis frívolo e menos intelixente O Home Almofada se convirtese, ou ben nunha colectánea tarantinesca de horrores con pouco fundamento ou ben nunha xeremiada mexeriqueira e malamente realista sobre nenos maltratados. Pero Asorey le moi ben a McDonagh, acompáñao encantado no seu paso polo gume da navalla e convértese no mellor aliado da súa historia. Faino con recursos escasos pero excelentemente aproveitados. Crea, con moi poucos elementos, un espazo claustrófobo que actúa como metáfora visual dun mundo feo, de luces murchas e aromas kafkianos, imaxe deteriorada dunha rutineira e cega engranaxe de poder na que, porén, chegarñan a agromar a empatía e a solidariedade humana. Sobre este espazo, reconvertido puntualmente nun lugar mental onde se len e ilustran con recursos “granguiñolescos” os contos de Katurian, accionan os catro magníficos actores que dan vida a uns personaxes moi ben construídos que non tardan en escapar dos seus roles máis previsibles para mostrar a súa agochada condición de nenos feridos. Aquí é inevitable salientar o traballo de Melania Cruz e Laura Míguez –fascinante mestura de malicia e inocencia esta última- polo sobresaliente desempeño co que respoden á enorma esixencia duns personaxes sinuosos, complexos, de estratexias cambiantes.
A función dura hora e media e non ten un só deses momentos medio perdidos que tan mortais resultan no teatro. Isto ten moito que ver coa calidade dunha narración escénica tan directa e intensa como sutil, que prende inmediatamente ao espectador e o convida a participar na indagación que ten lugar no escenario. É unha indagación policial en procura da verdade duns feitos particulares a través dos cales acabamos enxergando outras verdades menos circunstanciais, máis lacerantes, quizáis máis misteriosas. Isto é o que fixeron sempre case todos os grandes dramaturgos: poetizar escénicamente a dor, desvelar a cerna dos nosos medos, constatar a humanidade común, suxerir sen esperanza a compaixón, rescatar a beleza. O Home Almofada sitúase nese ronsel de raizame aristotélica e decididamente dramática. Faino desde unha historia distinta, tétrica, desapacible e cruel, sen parlamentos longos nin monólogos altisoantes pero coa intensidade vigorosa e indeclinable dunha descarga de rocanrol. O Home Almofada é como un drama de Ibsen reescrito por Marilyn Manson. Viño novo en odres vellos moi ben servido por ilMaquinario

No hay comentarios:

Publicar un comentario