"Había unha vez, nunha cidade
de pequenas rúas lastradas nas marxes dun río, un rapazolo que non se levaba
ben cos outros rapaces da cidade; estes tomárana con el e colléranlle teima
porque era pobre. Este rapazolo, sen embargo, tiña unha disposición alegre e
soñadora, sabía que tiña un bo corazón cheo de amor e que algún día alguén
nalgures vería o amor dentro del e daríalle a súa recompensa. E así, unha
noite, mentres estaba sentado ao pé da ponte de madeira que cruzaba o río,
escoitou un carro de cabalos que se aproximaba pola rúa, e cando estivo cerca
viu que o cocheiro levaba unha roupa moi escura, e que unha capucha negra
mantiña medio oculta a súa cara afiada. Deixando o medo a un lado, o rapaz
colleu o escaso bocadillo que tiña por cea e ofreceullo ao cocheiro
encapuchado. O carro parou, o cocheiro asentiu coa cabeza, baixou e sentou un
tempo co rapaz, compartindo o seu bocadillo e falando desto e daquilo. O
cocheiro preguntoulle porque estaba só, e mentres o rapaz lle falaba ao
cocheiro da súa vida pobre e dura, tamén puido ver a parte traseira do carro;
había un monte moi grande de pequenas gaiolas para animais, e xusto cando o
rapaz lle ía preguntar polo tipo de animais que estiveran dentro delas, o
cocheiro púxose de pé e díxolle que era hora de seguir o seu camiño. “Mais antes
de que me vaia”, murmurou o cocheiro, “dado que fuches tan amable, gustaríame
agora ofrecerche algo, algo cun valor que quizais hoxe non alcances a entender,
pero un día, cando sexas un pouco maior, creo que valorarás de verdade e polo
que me has de estar agradecido. Agora cerra os teus ollos”. E así foi que o
rapazolo fixo o que lle pediran e pechou os seus ollos, e dun peto interior e
oculto na súa roupa, o cocheiro sacou un coitelo de carniceiro, elevouno ben
alto e deixouno caer de golpe no pé dereito do rapaz, rabenándolle dun golpe as
cinco dedas do pé. E mentres o rapazolo permanecía sentado calado e atordado,
cos ollos mirado ao lonxe e a nada concreto, o cocheiro recolleu as súas dedas
sanguentas e tiroullas ás ratas que comezaban a xuntarse nas cunetas, volveu ao
seu carro, e lentamente cruzou a ponte, deixando lonxe por detrás del ao rapaz,
as ratas, o río e a cidade escurecida de Hamelin."
(o único conto publicado de Katurian K. Katurian, Revista Liberdade)
No hay comentarios:
Publicar un comentario